segunda-feira, 6 de junho de 2016

Prémio Antón Risco de Literatura Fantástica 2016


BASES II PREMIO ANTÓN RISCO DE LITERATURA FANTÁSTICA:

Urco Editora, a Fundación Vicente Risco, Auga Editora, Sacauntos Cooperativa Gráfica, Libraría Aira das Letras, Livraria Traga-mundos, Pastelería Fina Rei e A Fábrica de Vilanova, convocan conxuntamente o

«II Premio Antón Risco de Literatura Fantástica», a fin de homenaxear o escritor e teórico da literatura alaricano Antón Martínez-Risco Fernández. Continuador do gusto polo fantástico do seu pai, don Vicente Risco (a quen podemos considerar introdutor do xénero fantástico na literatura galega coa obra Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros en 1919), Antón Risco foi un profundo teorizador da literatura fantástica con obras como Serpentáguila (Notas de un lector de poesía), Quebec (Canadá), Ediciones Hipogrifo, 1986; Literatura fantástica de lengua española (Teoría y aplicaciones), Madrid, Taurus, 1987; Viaxes á América Latina á procura de literatura fantástica. Sada (A Coruña), Edicións do Castro, 1987. Tamén cabe salientar o seu labor de editor en Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega, Vigo, Galaxia, 1991. Asemade, foi prolífico escritor de novelas e relatos fantásticos, moitos deles aínda inéditos.

Por tal motivo e co fin de continuar o seu labor de divulgar o xénero fantástico convoca este premio conforme as seguintes BASES:

Primeira: Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega ou portuguesa, cunha extensión mínima de 150.000 caracteres con espazos e máxima de 600.000.

Segunda: O prazo de entrega remata o día 30 de setembro de 2016 e os orixinais deberán entregarse na sede de Urco Editora, en Rúa do Avío, 11 baixo – 15705 Compostela, ben de xeito presencial, ben por correo postal ou mensaxería, sen que consten no exterior datos identificativos do/a autor/a.

Terceira: Os orixinais presentaranse en formato PDF, ODT ou DOC, gravados nun CD ou nunha memoria externa, maquetados en formato DIN-A4, en letra Times ou semellante de corpo 12 e a dobre espazo. Alternativamente, poden enviarse en papel, caso no que deberán entregarse 5 copias debidamente encadernadas.
Calquera orixinal entregado en letra Comic Sans será automaticamente descartado e o/a autor/a denunciado/a ante as autoridades competentes.
Os orixinais, veñan en CD ou en papel, irán acompañados dun sobre fechado que conterá a identidade do/a autor/a (nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico) e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior só o título ou lema da mesma.

Cuarta: A obra gañadora será premiada con 3000 euros (suxeitos ás retencións fiscais pertinentes) e a publicación do libro. Urco editora será a encargada da edición e publicación da mesma en lingua galega ou portuguesa e Auga editora da tradución, edición e publicación en lingua española.

Quinta: O Xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura e da edición.

Sexta: Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.

Sétima: A contía do premio considérase en concepto de anticipo polos dereitos de autoría, polo que Urco Editora, Auga Editora e demais convocantes, resérvanse o dereito de publicación da primeira edición da obra gañadora en lingua galega ou portuguesa e castelá. O/A beneficiario/a do premio, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada en cada lingua e na adquisición doutros exemplares contará cun desconto do 50%. Asemade, a persoa gañadora do premio será convidada a formar parte do xurado na seguinte edición. Se os dereitos de autoría xerados polas vendas superasen a contía do premio, procederase a liquidar periodicamente os mesmos con normalidade.

Oitava: As entidades convocantes resérvanse o dereito a publicar, xunto co fallo, os lemas das obras finalistas cuxa publicación recomendase o Xurado, mais sen abrir a plica, para respetar así a súa anonimidade. Os/As autores/as das obras mencionadas que así o desexen, poderán pórse en contacto coas entidades convocantes para trataren o tema da publicación.

Novena: Os orixinais que non resulten premiados serán devoltos aos seus autores e autoras no caso de o requiriren por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado.
Décima: O fallo do Xurado terá lugar en Allariz, na Fundación Vicente Risco, durante o mes de decembro de 2016.

Undécima: A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes Bases, así como a decisión do Xurado, que será inapelábel.

Sem comentários:

Enviar um comentário