A Fundación Vicente Risco, Libraría Aira das Letras, Livraria Traga-mundos, Pastelería Fina Rei convocan conxuntamente o
«VI Premio Antón
Risco de Literatura Fantástica», co fin de homenaxear o escritor e teórico da
literatura alaricano Antón Martínez-Risco Fernández. Continuador do gusto polo
fantástico do seu pai, don Vicente Risco (a quen podemos considerar introdutor
do xénero fantástico na literatura galega coa obra Do caso que lle aconteceu ao
Dr. Alveiros, en 1919), Antón Risco foi un profundo teorizador da literatura
fantástica con obras como Serpentáguila (Notas de un lector de poesía), Quebec
(Canadá), Ediciones Hipogrifo, 1986; Literatura fantástica de lengua española
(Teoría y aplicaciones), Madrid, Taurus, 1987; Viaxes á América Latina á
procura de literatura fantástica. Sada (A Coruña), Edicións do Castro, 1987. Tamén
cabe salientar o seu labor de editor en Antoloxía da literatura fantástica en
lingua galega, Vigo, Galaxia, 1991. Asemade, foi prolífico escritor de novelas
e relatos fantásticos, moitos deles aínda inéditos.
Por tal motivo e co fin de continuar o seu labor de divulgar o xénero fantástico convoca este premio conforme as seguintes BASES:
Primeira: Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega ou portuguesa, cunha extensión mínima de 150.000 caracteres con espazos e máxima de 600.000.
Segunda: O prazo de
entrega remata o día 28 de febreio de 2021 e os orixinais deberán ser remitidos
á FUNDACIÓN VICENTE RISCO, RÚA SAN LOURENZO
Terceira: Os
orixinais presentaranse en formato PDF gravados nun CD ou Pendrive, maquetados
en formato DIN-A4, en letra ARIAL de corpo 12 e a dobre espazo.
Calquera orixinal
entregado sen cumprir os requisitos de forma (tipo e corpo de letra,
espaciado...) será automaticamente descartado.
Os orixinais, veñan en CD ou Pendrive, irán acompañados dun sobre fechado que conterá a identidade do/a autor/a (nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico) e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior só o título ou lema da mesma.
Cuarta: A obra gañadora será premiada con 3.000,00 € (suxeitos ás retencións fiscais pertinentes) e a publicación do libro. A FUNDACIÓN VICENTE RISCO CO SEU SELO DR.ALVEIROS será a encargada da edición e publicación da mesma podendo conveniar con algunha editora portuguesa co fin de facilitar a súa difusión no suposto de que a obra gañadora estea escrita en portugués.
Quinta: O Xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura e da edición.
Sexta: Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
Sétima: A contía do premio considérase en concepto de anticipo polos dereitos de autoría, polo que os convocantes, se reservan o dereito de publicación da primeira edición da obra gañadora en lingua galega ou portuguesa. O/A beneficiario/a do premio, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada en cada lingua e na adquisición doutros exemplares contará cun desconto do 50%. Asemade, a persoa gañadora do premio será convidada a formar parte do xurado na seguinte edición. Se os dereitos de autoría xerados polas vendas superasen a contía do premio, procederase a liquidar periodicamente os mesmos con normalidade.
Oitava: As entidades convocantes resérvanse o dereito a publicar, xunto co fallo, os lemas das obras finalistas cuxa publicación recomendase o Xurado, mais sen abrir a plica, para respectar así o anonimato. As/Os autoras/es das obras mencionadas que así o desexen, poderán pórse en contacto coas entidades convocantes para trataren o tema da publicación.
Novena: Os orixinais que non resulten premiados serán devoltos aos seus autores e autoras no caso de o requiriren por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado.
Décima: O fallo do Xurado terá lugar en Allariz, na Fundación Vicente Risco, durante o mes de maio de 2021, publicándose no Facebook e no Twitter da Fundación.
Sem comentários:
Enviar um comentário